viernes, 13 de agosto de 2010

A sombra das flores murchas

A SOMBRA DAS FLORES MURCHAS


( Des-composición )

Memoria

aberta sempre

soberana.



Mentres na cabeza aínda retumban os secos ouvidos dos cans en fresca e agónica despedida ( imaxinaria, eterna, lauda, porque non ) os ecos dos recordos constrúen espurios plurais que non fan máis que diluír indecisións no que xa non era segredo atado. Por veces o único argumento redúcese aos ollos da nenez limpando as arraigadas veas nunha nova linguaxe. A terra, tan ferida como os meus pes, sube polas vértebras até o vencemento onde a lenda non ten nome pronunciable, supoño final do condominio de suaves ausencias, esas que nunca se van.



E todo caeu como sentenza firme.

Todo o que arredor se iluminara esmoreceu nunha decadente xornada de éxito.



Miro atrás, acaso buscando un refuxio que imaxinei coñecido, como irmáns, compañeiros, familia. Pero só se perpetúa o baleiro no tempo coroando o que se supoñía o reino dos ausentes. As caídas son amantes da gravidez como a mar das pedras, das entrañas da auga.

Volvo a vista de novo, desta vez tentando a sorte alén da raiada néboa solta na memoria e recoñecín que a manifestación popular dos feitos é o principio dun fin indeterminado e, no profundo da desesperanza, o lugar onde non se atopará dignidade algunha, agás a que perversamente nos regala a negación.



Simplemente non existe.

Quen sabe, será que todo forma parte da subconsciencia que a impulsos de inmortal adolescente acaba por implantar funesta guerrilla en mundo paralelo.



É máis difícil perder.